Tuesday 30 de April de 2024

O Consello Reitor de Augas de Galicia dá luz verde ao orzamento do organismo para 2016, dotado con 100 millóns de euros


A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, presidiu hoxe esta xuntanza, celebrada en Santiago

O Consello Reitor de Augas de Galicia reuniuse hoxe en Santiago, baixo a presidencia da conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato. Durante esta xuntanza, deuse o visto bo o orzamento do organismo de cara a 2016, que estará dotado con 100 millóns de euros, un 17 por cento máis do previsto inicialmente en 2015.

Estas cifras demostran o “grande esforzo” que a Xunta está a realizar para garantir e mellorar a calidade das masas de auga, o saneamento, o abastecemento e a depuración, apuntou Mato, quen eloxiou o traballo desenvolvido ata agora por Augas de Galicia. “Nesta nova etapa, ímonos esforzar por seguir mellorando e ampliando os logros alcanzados ata o momento, promovendo sempre a colaboración, o diálogo e os acordos”, proseguiu.

Ademais das contas do próximo ano, na reunión abordáronse outros asuntos como o balance das contas de 2014 e a aprobación da memoria de actividades dese mesmo ano.

Tamén se presentou a memoria de actividades do ano 2014, destacando que o ano pasado Augas de Galicia tivo en execución 96 obras hidráulicas cun orzamento superior aos 177 millóns de euros. Do mesmo xeito fixo posible, grazas á súa colaboración co Estado, a realización de grandes obras promovidas pola Administración central, para as que achegou investimento procedente dos seus fondos propios. Todos os convenios en vigor co Estado en 2014 en materia de obras hidráulicas supoñen un compromiso de investimento da Xunta de 134,7 millóns de euros.

Con todo, cabe destacar que o organismo de Augas de Galicia estende o seu traballo a máis ámbitos que o das obras hidráulicas. Entre outras medidas, en 2014 realizáronse un total de 55 actuacións de conservación fluvial, que sumaron unha lonxitude de 94 quilómetros de río; practicáronse controis de calidade das augas a través do programa de vixilancia (134 estacións) e de control operativo (43 estacións); e implementouse o Plan de control de vertidos, que realizou o ano pasado un total de 2.705 inspeccións e que en decembro de 2014 tiña inventariados 6.133 puntos de vertido, cunha ficha individualizada para cada un deles. Cabe lembrar que o 70 por cento destes vertidos cumprían os parámetros legais, mentres que o 30 por cento restante foro considerados contaminantes ou están en fase de investigación.

Plan Hidrolóxico
Durante a súa intervención, Mato destacou a importancia de contar xa cun novo Plan Hidrolóxico para a demarcación Galicia-Costa 2015-2021. Esta folla de ruta ten como principal obxectivo alcanzar unha axeitada protección do dominio público hidráulico e un incremento da dispoñibilidade do recurso, satisfacendo as demandas de auga, protexendo a súa calidade, e racionalizando os distintos usos da auga en harmonía co medio ambiente.

Para chegar a esta meta, o Plan prevé un investimento global de 655 millóns de euros ata 2021, dos que a Xunta achegará un total de 423, correspondendo os restantes a outras administracións. A maior parte deste investimento (410 millóns de euros) destinarase a melloras de saneamento e depuración e, dentro desta área, farase especial fincapé en novos investimentos para as rías galegas, que acadarán os 131 millóns de euros para os próximos seis anos.